|
Alimentos Transxénicos
En colaboración coa Asociación
de Agroecoloxía Alberte Rodríguez Pérez,
coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
(ADEGA) e co Sindicato Labrego Galego (SLG), a FEG desenvolve
unha campaña informativa sobre os múltiples
riscos socioeconómicos, ambientais e para a saúde
humana dos alimentos transxénicos.
Os productos transxénicos proceden de
organismos modificados xeneticamente, organismos aos que se
lles engadiron xenes de plantas, animais, bacterias ou calquera
outro ser vivo co que nunca poderían cruzarse de xeito
natural. Estes xenes aportan ao organismo en cuestión
unha característica que antes non tiñan. Por
exemplo, a resistencia a un herbicida ou ao ataque dun insecto.
Os intereses das multinacionais agroquímicas
conseguiron o visto e prace das autoridades dos EEUU para
poren á venda determinados productos transxénicos
e, en base ás leis do libre mercado, os demais países
vense presionados para aceptalos. O 24 de xuño de 1999,
a Unión Europea acordou suspender por un tempo a autorización
de novos cultivos transxénicos e facer máis
estricta a lexislación que os regula.
Nestes momentos non se pode garantir a seguridade
dos alimentos transxénicos. Entón, a que veñen
tantas présas por pólos no mercado? Por que
temos que facer de coellos de indias?. Son necesarios a día
de hoxe os alimentos transxénicos? Son tan necesarios
que é necesario arriscármonos a consumilos?
Quen está demandándoos? Por que non se etiquetan
ben todos os productos transxénicos? Comerías
ti cogumelos, a risco de te envelenar, tendo outra cousa para
elixires?
Os alimentos transxénicos representan
un paso máis no control polas multinacionais da producción
e comercialización dos productos agrarios: as variedades
transxénicas están protexidas por patentes e
non se pode utilizar a semente que se obtén delas.
Os cultivos transxénicos benefician
os países enriquecidos en detrimento dos empobrecidos
e, dentro dos primeiros, os productores industriais con respecto
aos que practican unha agricultura máis tradicional.
Existen variedades silvestres ou cultivadas
de plantas transxénicas coas que éstas se poden
cruzar e ás que poderían pasar algunha das súas
características. Por outra banda, as plantas transxénicas
poderían converterse en invasoras, en malas herbas
de cultivos próximos.
A toxina producida por plantas transxénicas
contra determinada praga de insectos podería afectar
a outros insectos beneficiosos (o millo Bt, resistente ao
taladro, provocou a morte de exemplares dunha
especie de bolboreta).
Poden darse alerxias ás moléculas
novas que producen as plantas transxénicas. A algunhas
plantas introdúcenselles xenes de resistencia a antibióticos,
o que contribuirá ao aumento da resistencia de bacterias
patóxenas a estes antibióticos e, polo tanto,
á dificultade para atacar doenzas infecciosas.
Non hai que esquecer nunca que detrás
dos transxénicos están as grandes multinacionais
e o poder económico, o interese de obter grandes beneficios
en pouco tempo (e sen se responsabilizar das consecuencias).
Como consumidores e consumidoras podemos contribuír
a frear a expansión dos alimentos transxénicos
evitando compralos. Consulta a lista
de alimentos transxénicos.
|