PROFESORES DA USC DENUNCIAN O IMPACTO AMBIENTAL NEGATIVO DOS TRABALLOS DE RECOLLA DE FUEL

Demandan respecto aos hábitats costeiros

 

A iniciativa da Federación Ecoloxista Galega (FEG), un grupo de profesores e catedráticos dos Departamentos de Botánica, Zooloxía e Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de asinar un manifesto que denuncia "as numersoas e innecesarias actuacións ambientalmente negativas observadas desde o inicio dos traballos de recolla do fuel vertido polo Prestige". Estas actuacións están a provocar "serios danos ambientais" que non poden ser ignorados ou menosprezados, a pesar da situación de emerxencia na que estamos inmersos.

A FEG ten denunciado en varias ocasións perante responsábeis do Ministerio e da Consellería de Medio Ambiente a necesidade de planificar os traballos de recollida de fuel de forma que se eviten danos a ecosistemas tan valiosos e fráxeis como as dunas. Mesmo chegou a presentar unha denuncia perante o Servicio de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil. Nestes momentos, a FEG está a preparar un informe sobre o impacto causado pola marea negra e os traballos incorrectos de recollida de fuel nas zonas propostas para a Rede Natura 2000.

A continuación reprodúcese integramente o manifesto coa relación de profesores e catedráticos que o asinaron:

POLO RESPECTO AOS NOSOS HÁBITATS COSTEIROS

Os investigadores que asinamos este documento denunciamos as numerosas e innecesarias actuacións ambientalmente negativas observadas desde o inicio dos traballos de recolla do fuel vertido polo Prestige na costa galega. A realización destes traballos sen unha adecuada planificación que teña en conta a riqueza, diversidade e fraxilidade dos hábitats costeiros, especialmente das dunas, está a a provocar serios danos ambientais que se suman aos ocasionados polas mareas negras.

A apertura indiscriminada de pistas, a instalación de balsas ou a circulación incontrolada de maquinaria pesada en zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico, así como a degradación innecesaria das dunas, son danos ambientais importantes a engadir aos producidos directamente pola marea negra. Entre as áreas máis afectadas figuran a Costa da Morte, Carnota ou a Costa da Vela.

A situación de emerxencia xerada pola catástrofe ecolóxica provocada polo afundimento do Prestige e as mareas negras sucesivas puido nun primeiro momento xustificar algún erro, pero transcorridos máis de dous meses xa se tivo tempo suficiente para pasar da improvisación á planificación adecuada das actuacións. Sen embargo, a situación dista moito aínda de ser a axeitada e, nestes momentos, son principalmente as propias empresas encargadas de prestar apoio e asesoramento técnico á retirada de fuel as que operan segundo o seu parecer, sen ter en contra criterios ambientais.

Non compartimos a opinión de que nalgúns casos é máis conveniente destruír e logo rexenerar. Só aceptaríamos isto cando fosen inviables opcións respectuosas. Mais cónstanos que estas opcións non foron valoradas, e que moitas das actuacións son de difícil rexeneración ou que éstas non van ter lugar, particularmente en canto a novos accesos, pois estanse executando para que fiquen de xeito permanente.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas non é o único espacio natural protexido de Galicia que está afectado pola marea negra. Lembramos que na costa galega existen espacios protexidos (entre eles un Parque Natural, 2 Zonas de Especial Protección das Aves, 3 Zonas Ramsar e 14 Lugares de Interese Comunitario), que xa sufriron o impacto de 5 mareas negras consecutivas e de actuacións irrespectuosas nos labores de recolla de fuel.

Esiximos da Administración ambiental galega e española unha actitude consecuente coa conservación dos importantes valores naturais das nosas costas. Demandámoslles que non permitan ningunha agresión innecesaria máis sobre as especies de flora e fauna, os hábitats e a paisaxe. Solicitámoslles que procedan á restauración de tódalas áreas danadas e que promovan accións de información e educación ambiental sobre a importancia e valores das dunas e doutros ecosistemas litorais.

Jesús Aboal Viñas. Profesor do do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
Margarita Basanta Alves. Profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
Mª Regina Carballal Durán. Profesora do Departamento de Botánica.
Alejo Carballeira Ocaña. Catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
José Ángel Fernández Escribano. Profesor do do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
Eugenio Fernández Pulpeiro. Profesor do Departarmento de Zooloxía.
Mª Isabel Fraga Vila. Profesora do Departamento de Botánica.
Javier Guitián Rivera. Catedrático do Departamento de Botánica.
José Mora Bermúdez. Catedrático do Departamento de Zooloxía.
Francisco Novoa Docet. Catedrático do Departamento de Zooloxía.
Santiago Ortiz Núñez. Profesor do Departamento de Botánica.
José Luis Pérez-Cirera. Catedrático do Departamento de Botánica .
Otilia Pujes Ferreira. Profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
Rubén Retuerto Franco. Profesor do do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Celular.
Juan Rodríguez Oubiña. Profesor do Departamento de Botánica.
Victoriano Urgorri. Catedrático do Departamento de Zooloxía.

Páxina Principal da FEG

Voltar ao especial sobor do Prestige