ABONDA XA!

A catástrofe ocasionada polo Prestige é o resultado da cobiza sen límites de empresas que transportan mercadorías perigosas en barcos obsoletos e inseguros e da irresponsabilidade e incompetencia de autoridades que non se preocuparon por garantir adecuadamente o control do tráfico marítimo fronte ás nosas costas e non prepararon un plano de emerxencia para facer fronte a unha marea negra.

A sociedade galega non debe permitir que un desastre como o do Prestige volva acontecer. Ao mesmo tempo que se intensifican e se organizan moito mellor os labores de limpeza e de contención da marea negra, é preciso esixirmos con enerxía medidas efectivas de prevención de accidentes de buques con mercadorías perigosas.

Sen embargo, non se trata só de evitar vertidos accidentais de petróleo. Tamén é urxente mellorar o control do tráfico marítimo de forma que se eviten os vertidos habituais provocados polo lavado dos tanques que, en conxunto, son aínda máis graves cós causados por accidentes.

Aínda que cunha prevención adecuada habería moitas menos mareas negras, non semella realista pensar que podemos evitar todas. Isto debe levarnos a reflexionar sobre a nosa excesiva dependencia do petróleo, tan negativa por tantos motivos.

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), a organización máis representativa do movemento ambientalista galego, está a desenvolver un intenso traballo, na medida das súas posibilidades, para combater a catastrófica marea negra provocada polo accidente do "Prestige". O traballo da FEG, que forma parte da Plataforma Nunca máis, abrangue o plano da reivindicación, o da información e o do voluntariado.

 

LIGAZÓNS

 

Especial Vieiros Negra sombra do Prestige

Canal Verde

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Plataforma Nunca máis

Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

Associação Nacional de Consevação da Natureza QUERCUS

WWF/Adena

Greenpeace