| Seguemento
da marea negra
A FEG
segue atentamente a evolución da marea negra desde
o primeiro momento a través de varias das asociacións
que a integran con presenza na zona afectada (ADEGA, Colectivo
Ecoloxista do Salnés, Colectivo PX, Grupo Naturalista
Hábitat, Luita Verde) e en colaboración coa
Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños
(CEMMA), Erva-Ecoloxistas en Acción Galiza e a Sociedade
Galega de Historia Natural. Esta información é
usada en manifestacións públicas e en contactos
con responsábeis das Administracións.
Reivindicación
A FEG
forma parte da Plataforma "Nunca máis" xunto
con outras organizacións sociais e políticas
e identifícase plenamente co seu manifesto.
Xunto
con outras organizacións ambientalistas galegas e
internacionais desenvolve actividades diversas: divulgación
do manifesto ecoloxista "Nunca Máis",
convocatoria da marcha "En defensa
do mar" , etc.
Voluntariado
Militantes
dos grupos da FEG citados máis arriba e doutros, baixo a
coordenación da FEG, participaron na recolla de aves, mamíferos
e tartarugas petroleadas coa finalidade de recuperar o maior número
posíbel de individuos e de obter datos sobre as repercusións
na avifauna da marea negra. Estes datos foron aportados á
SEO/Birdlife para a elaboración dos informes sobre o impacto
nas aves mariñas da catástrofe do Prestige.
No tocante
á recolla de fuel, a FEG como tal non organiza limpezas
de praias, mais colabora na difusión de informacións
que favorecen unha canalización adecuada do voluntariado
para a limpeza de praias. Unha das asociacións que
integran a FEG, ADEGA, organiza diariamente grupos de voluntarios
e voluntarias para a limpeza de praias (máis información
no teléfono 680 420 807).
Información
A
FEG fixo públicas diversas notas de prensa denunciando a
indefensión da costa galega e a xestión desastrosa do
accidente do Prestige por parte das autoridades españolas e
galegas, os danos ambientais causados polas mareas negras e
pola execución incorrecta dos traballos de recolla de
fuel,.... Atendeu innumerábeis solicitudes de informacións
de medios de prensa, radio e televisión de Galicia e, sobre
todo, de fóra de Galicia. Editou un número do seu boletín
Terra dedicado ao Prestige (nº 12). A través do Canal Verde,
un canal de noticias na Internet que xestiona desde outubro de
1999 e que forma parte do xornal electrónico "Galicia
Hoxe" de Vieiros, difunde tamén noticias relacionadas co
Prestige.
|