|
OS AMBIENTALISTAS GALEGOS UNEN ESFORZOS PARA EVITAR OUTRO PRESTIGE |
|
|
As principais organizacións ambientalistas galegas promoverán accións conxuntas para se enfrentaren á marea negra do Prestige e para demandaren medidas que preveñan novos accidentes como o do Prestige. O venres 29 celebraron unha rolda de prensa en Santiago para presentaren o manifesto común “Nunca máis”. Os ecoloxistas galegos sumáronse á Plataforma “Nunca máis” e participarán nas súas mobilizacións. As organizacións ecoloxistas galegas pode semellar para parte da sociedade galega que están “desaparecidas”, a pesar do intenso labor que están a desenvolver, na medida das súas posibilidades, en relación co Prestige, tanto no plano político como no de voluntariado (recollida de aves petroleadas e limpeza de praias en condicións adecuadas) e no de información e educación. Iso é debido ao “bloqueo mediático” e ao menosprezo por parte das Administracións. Pablo Meira, profesor da Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago e presidente da Sociedade Galega de Educacación Ambiental (SGAE) sinala que “A Administración non está a contar connosco na mesma medida en que o está a facer con organizacións internacionais, cuxa presenza agradecemos neste momento de crise, porque sabe que estivemos, estamos e estaremos aquí unha vez que os ecos da catástrofe dasaparezan dos medios”. Alfredo López, presidente da Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) laiouse da escaseza de actuacións institucionais para a conservación da biodiversidade mariña. Un maior nivel de protección das nosas áreas mariñas e costeiras de maior valor ecolóxico podería ter favorecido un maior control do tráfico marítimo. Alfredo López alertou sobre os efectos a longo prazo do petróleo como consecuencia da súa acumulación nos animais mariños a través das cadeas alimentarias e da importancia dos vertidos habituais de cru producidos ao lavar os tanques dos petroleiros no mar. Lembrou que a CEMMA denunciou aínda en xuño pasado a contaminación de praias de Fisterra como consecuencia dun máis destes vertido continuados fronte á costs galega.. Xosé Luís Baleato, coordenador xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG), suliñou a ausencia de planificación e de recursos para previr e combater as mareas negras en Galicia. Por exemplo, non temos barcos e barreiras adaptadas ás condicións habituais do noso mar, onde son frecuentes as ondas de máis de 2 metros. Laiouse de que as Directivas europeas para a mellora da seguridade marítima que entrarán en vigor proximamente reciban o nome de “Erika 1” e “Erika 2” e non “Mar Exeo”, “o que é indicador do caso que fan a este extremo de Europa”. O portavoz da FEG apuntou que para reducir todo o posíbel o risco de mareas negras “tamén é necesario tratar de non dependermos tanto do petróleo”. Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), apuntou que “A actuación dos Gobernos galego e central, como vén sendo habitual, estase a caracterizar por un escurantismo total e pola falta de coordenación e de planificación”. Os fondos europeos empregáronse ao longo destes anos, en grande medida, en actuacións pouco prioritarias ou superfluas, “como paseos marítimos agora cobertos polo fuel, en lugar de investilos axeitadamente, por exemplo, na defensa do patrimonio natural galego, que é tamén un patrimonio de todos os europeos”. Na área afectada pola marea negra até hoxe hai varios espacios propostos para formar parte da Rede Natura 2000, a futura rede de espacios naturais protexidos da Unión Europea. Manuel Soto Castiñeira, profesor de Enxeñería Química da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), citou as medidas demandadas polos ecoloxistas galegos para evitar novos casos Prestige: “declaración das costas galegas como Zona Marítima especialmente sensíbel”, “maior control do tráfico de mercadorías perigosas”, “elaboración dun plano de emerxencia para facer fronte ás mareas negras” e unha regulación non só europea senón tamén internacional que preveña as mareas negras (non se trata de trasladar os buques perigosos ás augas de países do chamado Terceiro Mundo). ADEGA, CEMMA, FEG, SGEA e SGHN esixen “a demisión das autoridades galegas e españolas responsábeis da xestión desastrosa do Prestige e da ausencia de medidas de prevención”, en especial de Manuel Fraga, Carlos del Álamo, Francisco Álvarez-Cascos e Jaume Matas”.
|
|