|
AMBIENTALISTAS DE TODA EUROPA SOLIDARÍZANSE CON GALICIA PERANTE A CATÁSTROFE DO PRESTIGE |
|
|
Os asinantes da resolución participaron na conferencia sobre a Rede Natura 2000 organizada recentemente en Bruxelas polo Grupo Verdes-Alianza Libre Europea (ALE) do Parlamento Europeo. A esta conferencia, gracias á invitación do eurodeputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Camilo Nogueira, asistiu tamén unha delegación galega da que formaron parte, entre outras organizacións, a Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo. Na resolución proposta pola delegación galega, faise un chamamento “a todos os países da UE para axudaren con todos os medios a Galicia” para facer fronte a unha "enorme catástrofe” cuxas causas “non son basicamente naturais senón políticas”. Os asinantes denuncian “o comportamento culpábel e irresponsábel das autoridades do Estado español e de Galicia” e “mostran a súa admiración pola loita esforzada de todos os mariñeiros e voluntarios”. Apoian “todas as accións levadas adiante en Galicia pola plataforma popular Nunca máis”. A resolución denuncia que, sendo Galicia o país do mundo máis afectado por mareas negras, “non foi tomada no seu momento ningunha medida para evitalas, nin pola UE nin polo Estado español. Despois, as medidas do paquete lexislativo provocado polo accidente do Erika non tiveron a firmeza necesaria contra os intereses do capitalismo delincuente que domina o tráfego de mercadorías perigosas nin foron aínda aplicadas”. Finalmente, laméntase que a resolución adoptada no Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da UE celebrado en Copenhague non tomase as medidas necesarias para enfrontar o problema nin dese “unha solidariedade efectiva a todos os tan gravemente afectados”. Os asinantes proceden de todos os países de Europa,
desde Portugal aos países bálticos, desde Finlandia
a Chipre, e pertencen a diversas organizacións ambientalistas. |
|