|
POSICIONAMENTO DO MOVEMENTO ECOLOXISTA PERANTE A CATÁSTROFE
DO PRESTIGE
Declaración a 2 meses da catástrofe
Desde o punto de vista das ONGs ambientalistas, a catástrofe
do Prestige é o resultado dun modelo enerxético
insostible e exemplifica perfectamente os efectos máis
perversos da globalización sobre o medio ambiente.
A industria do petróleo opera a escala planetaria
e minimizando custos como principal obxectivo.
O movemento ecoloxista quere destacar que o do Prestige NON
FOI UN ACCIDENTE. É o resultado dun modelo enerxético
concreto, dun sistema económico guiado unicamente
polo beneficio a curto prazo, e cuxos efectos foron posteriormente
maximizados por unha Administración pública
que deu as costas ao medio ambiente en todo momento.
As ONGs ambientalistas denuncian e reclaman:
ASPECTOS ESPECÍFICOS
1. Situación do buque afundido
Feitos: Unha cantidade indeterminada, mais en todo caso
moi importante de fuel, fica aínda nos tanques do
Prestige, a 3600 metros de profundidade.
Posicionamento: A recuperación deste fuel debe ser
unha prioridade na situación actual, do contrario é moi
probable que sigamos sufrindo unha permanente marea negra
durante os próximos anos. En cualquera caso, o custo
de que este fuel siga saíndo á superficie sempre
será maior có derivado dunha operación
de resgate do mesmo.
Do mesmo xeito, a retirada do fuel que segue flotando na
superficie do mar antes de que alcance a costa debe de ser
tamén unha prioridade absoluta.
2. Xestión do fuel recuperado
Feitos: Miles de Tm de fuel están sendo retiradas
do mar e das costas, mescladas con algas, area, pedras, plásticos,
etc., sen que ata agora se teña aclarado cal é o
mellor sistema de xestión para estes residuos.
Posicionamento: Opoñémonos frontalmente á incineración
do fuel e
outros residuos. O fuel incumpre as normativas comunitarias
de
contido máximo de xofre. Por outra banda, a incineración
do fuel do
Prestige conlevará a emisión de sustancias
tóxicas á atmosfera. Trátase
dun fuel oil residual, de composición moi complexa,
que contén un
grande número de compostos orgánicos tóxicos
e metais pesados. Non hai que
desbotar que a queima destes residuos xere cinsas tóxicas
que tamén
conterán sustancias perigosas, como por exemplo algúns
metais pesados,
arsénico, cadmio e zinc.
Esiximos a súa contención segura nun lugar
adecuado ata que se estableza o método de tratamento
máis apropiado.
3. Información sobre a toxicidade do fuel
Feitos: Consideramos insuficiente a información ofrecida
sobre a composición e toxicidade do fuel, e rexeitamos
a minimización perante a opinión pública
dos efectos potenciais sobre a saúde da exposición
prolongada a éste durante as operacións de
limpeza.
Constátase o uso de equipamentos e prácticas
inadecuadas insalubres nas tarefas de limpeza (mascarillas
inúteis fronte aos compostos voláteis, número
insuficiente de “mans limpas”, turnos demasiado
longos,...).
Posicionamento: Reclamamos a realización e publicación
de estudios epidemiolóxicos sobre a poboación
exposta ao fuel, traballadores e voluntarios que traballaron
nas tarefas de limpeza, tal como se fixo en situacións
similares noutros países.
4. Protocolos e operativos de limpeza
Feitos: Constatamos a realización de obras sen planificación
e innecesarias, así como o emprego de maquinaria pesada
en zonas vulnerables, algunhas protexidas. En moitos casos
non se seguiron os protocolos establecidos pola propia Administración
para realizar as tarefas de limpeza.
Non se facilitou unha formación mínima previa
aos voluntarios, que foron enviados a recoller fuel ás
praias sen as instruccións máis básicas
sobre cómo facelo. A maioría do persoal non
voluntario (constructoras, funcionarios da administración,
militares, etc...) que traballan nas costas tamén
carecen dunha formación especializada.
A Administración foi incapaz de xestionar de forma
adecuada o enorme potencial humano do que dispoñía
para paliar o impacto da marea negra sobre as costas afectadas.
Posicionamento: Non aceptamos que a Administración
anuncie que existe un exceso de voluntarios cuando o certo é que
hai zonas do litoral sen cubrir, que cómpre acurtar
os turnos de traballo para minimizar a exposición
ao fuel e aumentar o número de “mans limpas” para
garantir a calidade de traballo dos voluntarios. É imprescindíbel
que os protocolos establecidos se cumpran adecuadamente por
todas as persoas implicadas nas tarefas de extracción
de fuel.
Opómonos á utilización de maquinaria
pesada e métodos agresivos de limpeza das zonas afectadas, á apertura
indiscriminada de pistas ou outras obras de infraestructura
que supoñan a destrucción de formacións
naturais, pois senón a recuperación dos ecosistemas
será unha entelequia.
Por outro lado, estamos observando un desbaldimento de material
nestas tarefas debido á desorganización que
preside as tarefas de limpeza.
5. Empresas involucradas nas tarefas de limpeza
Feitos: Un número importante de empresas están
participando ou teñen previsto participar nos operativos
de limpeza da costa sen que exista unha información
adecuada sobre os criterios utilizados para a súa
designación e os custos que a súa actuación
suporán para o erario público.
Posicionamento: Esiximos información pública,
ampla e transparente do convenio establecido coas empresas
contratadas para os labores de limpeza do fuel na denominada “segunda
fase”: nome das empresas designadas, zonas asignadas,
obxectivos e calendario do seu traballo, número de
persoal, medios e custo dos labores a realizar, relación
que establecerán cos dispositivos do voluntariado.
Se é certo que rexeitan a participación de
voluntarios nas súas zonas, queremos saber por qué.
Tamén reclamamos unha información completa
e transparente sobre os custos reais de todo o operativo
de limpeza e rexeneración da costa. O seu coñecemento é fundamental
para reclamar as indemnizacións correspondentes ao
Fondo de Compensacións.
6. Estudios sobre o impacto do accidente
Feitos: Desgraciadamente pouco aprendemos sobre os efectos
a medio e longo prazo sobre os nosos ecosistemas e a nosa
economía das múltiples mareas negras que sufriu
Galicia no pasado, a última en 1992. O caso do Prestige,
dada a súa magnitude, debe ser un punto de inflexión
neste sentido.
Posicionamento: É fundamental que se investigue en
profundidade a incidencia da catástrofe nos ecosistemas
litorais e mariños afectados. A investigación
debe incluír o impacto a longo prazo sobre o seu funcionamento
integral e non unicamente sobre aqueles recursos naturais
de interese comercial. A investigación non se debe
limitar a estudiar o impacto sobre o medio biofísico
da catástrofe, senón que debe considerar tamén
o impacto social, cultural, económico e demográfico
nas zonas afectadas.
Igualmente, é moi importante que a investigación
se dirixa non só a coñecer os impactos do accidente
senón que se oriente tamén á recuperación
dos ecosistemas e as comunidades humanas afectados.
Os resultados de todas estas investigacións deben
ser en todo momento públicos.
Congratulámonos da creación de múltiples
grupos de traballo, comisións de expertos, consultorías…,
mais constatamos que a súa coordenación é deficiente
e é, xa que logo, necesario establecela e mellorala.
7. A recuperación socio-ambiental das zonas afectadas
Feitos: Os efectos sociais, económicos e ambientais
dun accidente destas características son enormes.
Recuperar os ecosistemas afectados e as actividades económicas
que dependen destes debe ser un obxectivo prioritario.
Observamos con grande preocupación moitas das solucións
formuladas para a reactivación económica das
zonas afectadas que implican máis cemento e a potenciación
de actividades insostíbeis. Esta non é a vía
para solucionar unha catástrofe ecolóxica e
social como a actual, senón a forma de crear as condicións
para que se volva reproducir.
A Administración, sen embargo, anuncia unha reactivación
económica baseada nunha ondada de infraestructuras
viarias, portos exteriores, “rexeneracións” de
praias e/ou construccións na franxa costeira, que
non farán senón aumentar a degradación
ambiental á que se enfronta a nosa sociedade.
Posicionamento: A Administración debe entender esta
catástrofe como unha chamada de atención sobre
os efectos ecolóxicos e sociais dunha economía
insostíbel e como unha oportunidade para traballar
seriamente a prol do ambiente, dada a súa relación
directa co benestar e a calidade de vida da poboación.
As ONGs ambientalistas convidan ás administracións
a reflexionaren seriamente sobre as estratexias de reactivación
das zonas afectadas, que deben estar baseadas en criterios
de perdurabilidade ambiental e equilibrio social; e non no
afán de ocultar unha catástrofe sen precedentes
con máis cemento e asfalto.
Na rexeneración dos ecosistemas afectados débese
contar co coñecemento e experiencia do sector extractivo,
dos científicos e das ONGs.
8. Custos asumidos polas partes afectadas
Feitos: Desde un inicio, a Administración fixo deixación
das súas funcións e responsabilidades, polo
que o Estado tivo que ser substituído polos colectivos
cidadáns (confrarías de pescadores e mariscadores,
ONGs ambientalistas, plataformas cidadás, etc.), que
achegaron o seu diñeiro, o seu tempo, os seus coñecementos
e o seu traballo persoal.
Posicionamento: A Administración debe asumir todos
os aportes económicos realizados polas persoas que
traballaron na recuperación do fuel. Isto debe incluír,
desde o combustíbel gastado polas embarcacións
dedicadas ás tarefas, ata os labores para o seu mantemento,
limpeza, repintado despois do seu emprego.
9. Política de información.
Feitos: O tratamento da información polas fontes
oficiais, os medios de comunicación públicos
e algúns medios privados foi e segue sendo vergoñenta,
terxiversando, manipulando e faltando á verdade en
numerosas ocasións. Debido a esta situación,
tívose que recorrer a fontes doutros estados europeos
A ausencia de información veraz e os intentos de
minimizar mediaticamente a catástrofe contrastaron
fortemente coa mobilización cidadá en contra
da marea negra e da súa deficiente xestión.
Posicionamento: Condenamos enerxicamente a política
de desinformación gobernamental, tendente en todo
momento a minimizar o alcance mediático da catástrofe
e a silenciar e descualificar sistematicamente cualquera
voz crítica coa deficiente xestión realizada.
Para esta e outras catástrofes é preciso garantir
a veracidade da información proveniente de fontes
e organismos oficiais, así como o seu tratamento xornalístico
rigoroso, aberto e plural, sobre todo nos medio de comunicación
públicos.
10. Educación e participación cidadá.
Feitos: Un dos elementos positivos na evolución da
catástrofe foi o nivel de conciencia e compromiso
ambiental da cidadanía que se puxo en evidencia. A
resposta dos voluntarios, a autoorganización dos colectivos
máis afectados, as manifestacións masivas de
protesta, etc. son exemplos que desvelan unha cidadanía
democrática e madura, que quere participar desinteresada
e activamente naqueles asuntos públicos que lle atinxen
directa ou indirectamente.
Posicionamento: É preciso dar unha resposta adecuada
aos niveis de conciencia e acción ambiental postos
de manifesto nesta crise. Para iso, cómpre desenvolver
programas e materiais educativos e formativos que faciliten á poboación
un coñecemento máis profundo do acontecido,
que salienten a estreita interdependencia entre ambiente
e calidade de vida, e que actúen como barreiras culturales
en previsión de futuras calamidades. Asemade, é preciso
apoiar o labor social e educativo dos colectivos cidadáns
e as organizacións ambientalistas que teñen
entre os seus obxectivos a construcción dunha sociedade
democrática aberta e sostible.
ASPECTOS GLOBAIS
11 Cambios na política enerxética
Feitos: Resulta un despropósito que en medio da catástrofe
do Prestige, o Goberno español diminuíse as
primas ás enerxías respectuosas co ambiente
e decidise que non se dedique nin un céntimo a aforrar
enerxía. De continuar a política enerxética
actual, España no poderá cumprir os compromisos
asumidos do Protocolo de Quioto.
Posicionamento: As ONGs ambientalistas esiximos unha política
enerxética baseada no aforro, a eficiencia e as enerxías
respectuosas co medio ambiente, como solución última
aos impactos ambientais derivados do uso e transporte de
combustíbeis fóseis a escala global.
12 Responsabilidade ilimitada para as empresas.
Feitos: No caso do Prestige, novamente, as industrias sucias
trasladan os custos económicos da degradación
ambiental ao conxunto da sociedade. Esta catástrofe é resultado
tamén do “barato” que resulta contaminar
e do fácil que é obviar o risco para maximizar
os beneficios económicos.
Posicionamento: Reclamamos un réximen de responsabilidade
ilimitada para toda a cadea involucrada no transporte de
hidrocarburos, desde o armador ao propietario da carga, incluíndo
as aseguradoras e as sociedades de certificación.
Todo buque que transporte estas sustancias debe estar en
posesión dun seguro que cubra sen límite a
contía dos danos ocasionados por un accidente. Estes
custos deben incluír non só o impacto directo
sobre os ecosistemas senón tamén os custos
da súa recuperación.
Asimesmo, condenamos a ausencia de avanzos significativos
neste senso nas reunións sucesivas dos Ministros de
Transporte, de Medio Ambiente e de Xefes de Estado durante
os cumios mantidos no mes de Decembro. Igualmente, reprobamos
que o Goberno español, despois de sufrir unha catástrofe
destas características, non tivese un papel máis
activo na consecución destes obxectivos. Pola contra,
empeñouse en publicitar propostas que non reducirán
o risco de que no futuro volva suceder unha catástrofe
destas características.
13 Cambios na política de transporte marítimo.
Feitos: Se algo puxo de manifesto a marea negra do Prestige é que
nas últimas décadas a UE a penas avanzou en
seguridade marítima. A pesar de que as costas europeas
foron escenario de numerosas catástrofes desta índole,
os paquetes de medidas Erika I e II non foron aínda
adoptados por ningún Estado Membro. Ademais de seren
claramente insuficientes para garantiren que un accidente
como o do Prestige non volva acontecer, Loyola de Palacio
pasouse todo o mes de Decembro tentando vender que, de estaren
xa transpostas estas Directivas, isto non tería sucedido,
mais, de feito, no que atinxe ao tema da responsabilidade
ilimitada, que para nós é un aspecto central
do problema, os paquetes limítanse a aumentar o fondo
que as petroleiras deben pagar, pero isto non vai supor grandes
mudanzas no xeito de operar da industria. Por outro lado,
os calendarios de eliminación de buques monocasco
destes paquetes son tamén clarisimamente insuficientes.
Posicionamento: Reclamamos cambios urxentes na política
de transporte marítimo que minimicen o risco dun accidente
destas características, entre estes destacamos: a
prohibición do transporte de hidrocarburos e sustancias
perigosas en xeral en buques de casco simple; a creación
dunha rede de infraestructuras con todos os medios necesarios
para responder a un accidente destas características;
a eliminación dos pavillóns de conveniencia
e a declaración de Áreas Mariñas Especialmente
Sensíbeis (AMES). Neste sentido, Galicia cumpre todos
os criterios xeográficos, económicos, ecolóxicos
e culturais para ser declarada AMES por parte da Organización
Marítima Internacional, mais é responsabilidade
da Xunta de Galicia iniciar os trámites para dita
declaración.
14 Plans e Medios de Loita contra a Contaminación.
Feitos: É absolutamente inaceptábel a falta
de medios de prevención e loita contra a contaminación
nunha das áreas con tráfego marítimo
máis intenso do mundo e cun historial de catástrofes
marítimas como é o caso das costas galegas.
Unha vez máis, as administracións públicas
españolas ficaron en entredito, non tendo servido
todos os accidentes anteriores para se dotaren dos medios
máis básicos para se enfrontaren a unha catástrofe
como a que padecemos.
Máis grave aínda é a ausencia de protocolos
ou plans de continxencia. A consecuencia foi a ampliación
do abano de litoral afectado ao arrastrar o barco sinistrado
ao longo de toda a costa galega, alcanzando a contaminación
tamén ás costas do Cantábrico español
e de Francia.
Posicionamento: Este feito, por si só, debería
ter provocado xa a demisión do Ministro de Fomento, Álvarez
Cascos, responsábel das políticas de Transporte
Marítimo e Salvamento. Igualmente, consideramos fundamental
a posta en práctica de plans de continxencia perante
este tipo de catástrofes, cos recursos humanos e materiais
necesarios para afrontar situacións destas características.
Petición de responsabilidades políticas
Por todo o exposto neste documento, as organizacións
asinantes
reclamamos a apertura de comisións de investigación
sobre a xestión da
catástrofe do Prestige no Parlamento de Galicia, no
Parlamento
Español e no Parlamento Europeo, que sirvan para aclarar
e facer pública
a información existente e exacta do ocorrido e as
decisións tomadas,
así como a depuración das responsabilidades
políticas e administrativas
a raíz das conclusións destas comisións.
13 de xaneiro de 2003
Asinantes:
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
(ADEGA)
http://www.adegagaliza.org
680420807
adega@ctv.es
Amigos de la Tierra
http://tierra.org
988374318
director.centroiris@tierra.org
Coordenadora para o Estudio dos Mamiferos Mariños
(CEMMA)
http://www.arrakis.es/~cemma
686989008
cemma@arrakis.es
Erva-Ecologistas en Acción
http://www.ctv.es/USERS/erva/
630 69 08 69
ervacomp@aeiou.pt
Federación Ecoloxista Galega (FEG)
http://web.jet.es/feg
981575444
feg@jet
Greenpeace
http://www.greenpeace.es/
626 99 82 54
slosada@diala.greenpeace.org
Sociedad Española de Ornitología (SEO/Birdlife)
http://www.seo.org
617 00 32 32
giam@seo.org
Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA)
http://www.sgea.org
650 201 681
sgea@sgea.org
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
http://www.sghn.org
981 584 426
sghn@sghn.org
ADENA/WWF
http://www.wwf.es
625 415 819
pesca@wwf.es
| Convocatorias |
 |
Infórmate sobre convocatorias de interese
ambiental (mobilizacións, conferencias, cursos, roteiros,
concursos, exposicións,...) na AXENDA
DO CANAL VERDE.

|