|
RESERVA DE BIOSFERA DA UNESCO EN GUINEA BISSAU AMEAZADA POR UN PROXECTO DE DESGUACE DE BARCOS PROMOVIDO POR EMPRESAS ESPAÑOLAS |
|
|
Unha coalición internacional de organizacións [1], entre as que se acha a Federación Ecoloxista Galega (FEG), oponse a unha instalación para o desguace de barcos proposta en Guinea Bissau que ameaza unha Reserva da Biosfera da UNESCO de grande interese natural. En outubro do ano pasado, Darío Amor, presidente da empresa galega “DDY comercio exterior SA”, e Fernando Correia, Ministro de Industria de Guinea Bissau, asinaron na Coruña un protocolo de intencións que contempla unha instalación para o desguace de barcos no corazón da Reserva da Biosfera do Arquipélago de Bijagos [2]. “Un desguace de barcos porá en perigo a saúde e o medio ambiente da poboación local”, declarou Marietta Harjono, responsábel da campaña de tóxicos de Greenpeace internacional. “Sabemos polo que acontece en instalacións similares na India, Pakistán e outros países en desenvolvemento que os barcos fóra de uso conteñen residuos perigosos. Cómpre destacar que este proxecto se promove xusto cando as Nacións Unidas están preparando unha regulación internacional do desguace de barcos”. Segundo o devandito acordo, o desguace de barcos situaríase na illa de Bolama, no arquipélago de Bijagos. Este arquipélago foi clasificado pola UNESCO como Reserva da Biosfera en 1993. Posúe unha alta diversidade biolóxica, que inclúe hipopótamos, lontras, seis especies de tartarugas mariñas e dúas especies de crocodilos. Alberga uns 700.000 exemplares de especies de aves migratorias. As súas augas son ricas en pesca. O desguace de barcos significaría unha grave deterioración ambiental da Reserva e destruiría as posibilidades de desenvolvemento sostíbel da zona, cuxa poboación depende do aproveitamento dos recursos mariños. A Coalición “Amigos de Guinea Bissau” acha que a área é atractiva para os promotores porque a excolonia portuguesa do oeste de África non asinou a Convención de Basilea, un tratado que regula o transporte transfronteirizo de residuos tóxicos. Para a Federación Ecoloxista Galega (FEG) estamos perante un intento máis de ubicar unha instalación contaminante ao servizo e en beneficio de empresas de países enriquecidos que danará gravemente os recursos naturais e a saúde da poboación dun país empobrecido. Máis información en http://www.greenpeaceweb.org/shipbreak
Notas
1.- A Coalición Internacional de Amigos de Guinea-Bissau está formada por Novib (Oxfam Holanda), Greenpeace, Interchurch Organisation for Development Cooperation (ICCO), WWF West African Marine Ecoregion (WAMER), Fondation Internationale du Banc d'Argui (FIBA), Basel Action Network (BAN), Associação para a Cooperação Entre os Povos (ACEP), Sociedade Portuguesa para o Estudo das Aves (SPEA/BirdLife) e Federación Ecoloxista Galega (FEG). 2.- Aínda que o acordo menciona outras áreas de potencial cooperación, a principal é o establecemento dun “centro industrial para o desguace de barcos”. Foi asinado na Coruña por Dario Amor Edreira, presidente de DDY de Comercio Exterior SA, e por Fernando Correia Landim, Ministro de Comercio e Industria da República de Guinea-Bissau. DDY actuou en nome de “HIERROS EZQUERRO S.A.”. A actividade habitual de “DDY comercio exterior SA”, parte do grupo MACOGASA D.D.Y (http://www.macogasaddy.com)., é a importación e exportación de peixe, froitas e conservas.
|
|