DESTRÚEN TOTALMENTE UNHA PRAIA DE COÍDOS EN TOURIÑÁN

 

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) denuncia novamente que algunhas das accións de retirada do fuel do Prestige están a provocar un dano irreparable e mesmo superior ó da propia contaminación por fuel. A FEG lamenta que os traballos se fagan aínda sen a supervisión adecuada, se abuse da maquinaria pesada mesmo en zonas de alto valor ecolóxico e se incumpran sistematicamente os protocolos de actuación do propio Ministerio de Medio Ambiente. O único que importa é limpar rapidamente,  sexa como sexa, con escasa ou nula sensibilidade ambiental. Chégase mesmo ao extremo de destruír praias de coídos, botándoos ao mar, como aconteceu en varios lugares, entre eles Touriñán (Muxía).

Nunha denuncia presentada perante a Consellería e o Ministerio de Medio Ambiente, a FEG pregunta cal é o paradeiro da praia de coídos de cabo Touriñán (Muxía), cunha superficie duns 300 m de longo por 40 m de largo. No lugar  onde estaba a praia, ficou o leito de terra e pequenas pedras perfectamente compactadas, agás no extremo norte da praia, onde o 20 de maio aínda había uns cantos coídos. No mesmo escrito, a FEG denuncia o caso duns coídos próximos a Lourido.

A FEG pregunta na súa denuncia se se vai  facer o mesmo cos coídos de Nemiña, de Moreira, de Cuño, e nos próximos a Lourido e á vila de Muxía, quen ordenou a actuación de Touriñán, se se vai acometer a restauración, e cómo se supervisan as actuacións de recolla do fuel, especialmente en zonas de alto valor ecolóxico. Tamén se pregunta se esta actuación garda relación coa construcción da impactante macropiscifactoría de Pescanova en Toriñán.

As praias de coídos son formacións costeiras pouco frecuentes. A súa orixe vencéllase ó anterior período interglaciar, hai 120.000 anos, durante o cal o mar acadou un nivel de varios metros superior ó actual. Presentan un grande interese xeolóxico e paisaxístico.

Desastre ambiental en Arnela

A FEG constatou que os danos ocasionados sobre as dunas de Arnela (Fisterra), feito denunciado pola FEG en decembro de 2002, son case irreversibles se non se aplican con urxencia medidas de recuperación ambiental adecuadas. Nestes momentos, a duna que remonta a ladeira estáse desmoronando pola fronte e pola parte traseira. O vento e a choiva están causando unha forte erosión sobre as zonas desvexetadas.  Ademais, obsérvase unha importante extracción ilegal de area ó lado da pista aberta con motivo dos traballos de limpeza.

 

Páxina Principal da FEG

Voltar a notas de prensa