ADEGA E A FEG DEMANDAN UNHA FISCALIDADE AXEITADA PARA O MONTE VECIÑAL GALEGO

 Os montes veciñais facilitan a aplicación de modelos de explotación forestal sustentábeis

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) reclaman unha nova fiscalidade para o monte veciñal galego que favoreza o desenvolvemento das súas funcións ambientais e sociais, apoiando a posición ao respecto da Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCM).  O réxime fiscal imposto polo Goberno central é inxusto porque somete os montes a unha dobre tributación e aberrante porque trata ás  Comunidades de Montes como se fosen sociedades mercantís con ánimo de lucro 

O actual réxime fiscal implica a sobrevaloración das funcións productivas do monte veciñal en man común en detrimento das sociais e ambientais e conleva importantes problemas para as comunidades de montes. É discriminatorio na medida en que só se aplica aos montes galegos. 

ADEGA e a  FEG achan que os montes veciñais en man común, ao participaren da natureza xurídica dos bens de dominio público e cubriren un tercio da superficie de monte do país,  facilitan a aplicación en Galicia de modelos de explotación forestal que non atendan exclusivamente a criterios de rendibilidade económica a curto prazo. Por iso, están preocupadas polos efectos negativos que sobre o funcionamento das comunidades causan as dificultades de xestión creadas pola aplicación do imposto de sociedades, das que só se benefician xestorías, asesorías fiscais ou empresas forestais.

ADEGA e a  FEG partillan a proposta da OGCM de elaborar un sistema tributario axeitado ao monte veciñal en man común galego, baseado en tres principios:

1)      As comunidades de montes que invistan todos os seus recursos en atender o monte e en obras de interese social e comunitario deben estar exentas de tributación.

2)      Os ingresos repartidos polas comunidades de montes entre os seus comuneiros e comuneiras deben tributar a través do IRPF. 

3) Creación dun órgano administrativo que controle anualmente as contas das comunidades de montes.

 

Páxina Principal da FEG

Voltar a notas de prensa