|
Santiago, 10 de decembro de 2002
Participará nun seminario sobre a Rede Natura 2000
no Parlamento Europeo
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) viaxa a Bruxelas
para defender a costa galega
Unha delegación da Federación Ecoloxista Galega
(FEG) participa o xoves 12 de decembro nun seminario sobre
a Rede Natura 2000 organizado no Parlamento Europeo polo Grupo
Verdes-Alianza Libre Europea (ALE). A FEG presentará
no seminario un relatorio no que se expón a deficiente
xestión do Goberno galego dos lugares propostos para
formar parte da Rede Natura 2000 e os efectos desastrosos
sobre as zonas litorais e mariñas galegas de interese
europeo da marea negra do Prestige.
A marea negra está agravando de forma dramática
a deterioración das zonas da costa galega propostas
para formar parte da futura rede europea de espacios protexidos,
moi especialmente da Costa da Morte e das Illas Atlánticas.
As zonas costeiras e mariñas afectadas áchanse
entre as de maior valor ecolóxico de toda a Unión
Europea (UE).
A marea negra provocada polo accidente do Prestige e agravada
pola xestión nefasta do accidente, é unha catástrofe
ecolóxica de dimensión europea. A FEG trasladará
á comisaria europea de medio ambiente, Margot Walström,
a súa reclamación de que o conxunto da UE se
implique todo o posíbel no combate á marea negra,
na prevención de novos accidentes e nas tarefas que
axuden á recuperación da costa.
A delegación da FEG, formada por 13 persoas, acode
ao seminario a convite do eurodeputado do Bloque Nacionalista
Galego (BNG) Camilo Nogueira, xunto con representantes doutras
organizacións ecoloxistas galegas e estatais e das
Plataformas pola Defensa das Rías de Arousa e de Vigo.
A delegación galega falará coa comisaria europea
de Medio Ambiente Margot Wallström para reclamar da Comisión
Europea un compromiso forte coa recuperación ambiental
das costas galegas, a prevención de novos accidentes
como o do Prestige e a axuda económica europea para
as zonas afectadas.
Toda a delegación galega participará nunha
concentración convocada en Bruxelas pola Plataforma
“Nunca máis” coincidindo coa celebración
do seminario.
5 de decembro de 2002
Valiosas dunas do litoral afectado pola marea negra están
a ser gravemente degradadas
OS DANOS COLATERAIS DO "PRESTIGE"
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) denuncia publicamente
os danos evitábeis á fauna e a flora das praias
que están a provocar os labores de limpeza da marea
negra causada polo Prestige. A FEG demanda á Consellería
e ao Ministerio de Medio Ambiente que actúen para evitar
que aos enormes danos ecolóxicos causados pola marea
negra se sumen os provocados pola falta de coidado e de sensibilidade
ambiental na realización de labores de limpeza.
A FEG, formada por 25 asociacións de defensa ambiental,
constatou en diversos puntos do litoral, inclusive en áreas
propostas para formar parte da Rede Natura 2000, a degradación
innecesaria das dunas como resultado da limpeza de praias.
As dunas galegas albergan endemismos (plantas que só
viven en Galicia) e especies ameazadas de extinción.
A utilización sen control de maquinaria pesada, a presenza
de todoterreos, mesmo oficiais, nas dunas, e a avalancha de
persoas que visitan as praias están a deteriorar seriamente
moitas dunas.
A vexetación dunar retén a area, constituíndo
unha reserva de area necesaria para repor a perdida durante
os temporais. A destrucción da vexetación dunar
fai que a area que forma as dunas fique exposta á acción
dos ventos, invadindo terras de cultivos colindantes e impedindo
a rexeneración das praias.
A vexetación costeira tamén está a ser
prexudicada directamente pola marea negra. Nos acantilados
e nas zonas de rompentes, o aire arrastra pinguiñas
de auga e fuel. Observáronse en hortas que fican a
case 1 km de distancia do mar, depósitos de fuel sobre
as hortalizas. Isto é un exemplo do que está
a pasar en toda a vexetación costeira.
Por outro lado, a FEG fai un chamamento a todas as persoas
que visiten as praias con cans para que os leven atados de
forma a evitar que poidan ferir ou inxerir animais petroleados.
A inxestión do fuel pode levar ademais á morte
dos cans por intoxicación. Todas as persoas que vexan
animais mortos deben chamar ao 085.
Finalmente, a FEG ten constatado que o fuel estase a depositar
xa nos fondos mariños. Buzos que estiveron na ría
de Camariñas confirmaron que os fondos están
cubertos polo fuel. Urxe que as administracións empecen
a tomar cartas no asunto para reducir os tempos de rexeneración
destes fondos.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2002
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Asociación
para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) expoñen
a Matas queixas e demandas en relación co Prestige
ADEGA e a FEG expresaron a Jaume Matas, Ministro de Medio
Ambiente, fortes críticas pola deficiente e tardía
resposta do Ministerio do Ambiente e das autoridades en xeral
ao accidente do Prestige. Foi durante unha entrevista que
tivo lugar na Coruña no marco da visita realizada onte
polo ministro a Galicia. Na entrevista tamén participaron
representantes de Greenpeace e de SEO/Birdlife.
Os ecoloxistas galegos salientaron durante a entrevista a
tardanza coa que se iniciou e planificou a limpeza do fuel
nas praias e no mar. Isto impediu ter retirado xa maior cantidade
de fuel e dificulta agora os labores de limpeza, pois parte
do fuel está enterrado nas praias ou depositado nos
fondos mariños.
A FEG e ADEGA consideran incomprensible e escandaloso que
Galicia non teña nin medios nin planos para previr
e paliar os efectos de accidentes de petroleiros, a pesar
de estar ameazada por un intenso tráfico de buques
con mercadorías perigosas. Ademais, hai que ter en
conta que no norte do Estado Español hai tres refinerías
que aumentan os riscos de vertidos de petróleo
Os efectos prexudiciais da marea negra teñen afectado
moi gravemente ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) da Costa
da Morte, proposto para formar parte da Rede Natura 2000.
A FEG e ADEGA insisten na súa demanda de que esta zona
vexa no futuro aumentado o seu nivel de protección
a través da ampliación do Parque Nacional das
Illas Atlánticas. Esta medida favorecería a
recuperación ambiental e a promoción do desenvolvemento
sostíbel na zona.
ADEGA e a FEG solicitaron ao ministro do ambiente a aplicación
en todos as limpezas de praias dun protocolo de actuación
para a realización correcta e sen prexuízos
para as persoas e o ambiente. Este protocolo debe ser seguido
por todas as institucións, empresas ou asociacións
que organizan limpezas de praias.
Denunciouse na entrevista que a día de hoxe non se
coñeza aínda a composición dos verquidos
que temos nas nosas costas e que, polo tanto, non se saiba
con certeza a súa toxicidade e perigosidade.
Agochouse o lixo debaixo da alfombra
(Noticia recollida da edición de La Voz de
Galicia do 19 de novembro)
“Esta mancha vai tocar unha zona moi ampla da costa,
probablemente a máis grande que nunca antes tocara
terra, e non podemos facer absolutamente nada”. Sebastián
Losada, portavoz de Greenpeace, resumiu onte con esta frase
a preocupación dos ecoloxistas perante a marea negra.
Os voceiros de Adena, a Federación Ecoloxista Galega
(FEG), Greenpeace e a Sociedade Española de Ornitoloxía,
en representación de tódalas organizacións
ecoloxistas autonómicas e nacionais, denunciaron onte
a falta de previsión ante este tipo de catástrofes
e os intentos das autoridades por minimizar un problema que
agora comprobouse que é “unha auténtica
catástrofe ecolóxica e económica”
¿Que se fixo mal? Para os ecoloxistas, case todo,
empezando pola ausencia case total de medios para previr ou
actuar contra este tipo de accidentes mariños nos últimos
trinta anos. “Non aprendemos nada, porque todo segue
igual” dixeron.
¿Foi prudente afastar o barco? A esta pregunta, os
ecoloxistas, inda que con matices, respostan que o máis
axeitado sería ter realizado o trasfego de fuel na
medida en que esta operación fose posible. Á
vista do acontecido, conclúen que o que se fixo agravou
o problema. “ O que se fixo é agochar o lixo
baixo da alfombra, porque o barco é unha bomba de reloxería”,
explicou Raúl García, de Adena. A bomba afundiu
onte.
Santiago de Compostela a 15 de novembro de 2002
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) denuncia a indefensión
das costas galegas fronte ó tráfico de mercadorías
perigosas
O accidente sufrido polo petroleiro "Prestige"
demostra unha vez máis a constante ameaza á
que está sometida a costa Galega polo intenso tráfico
de buques con mercadorías perigosas, como o petróleo.
A xuízo da Federación Ecoloxista Galega (FEG),
que agrupa a 25 asociacións de defensa ambiental galegas,
cómpre aumentar o control sobre este tráfico
e adiantar a aplicación das Directivas europeas "Erika
I" e "Erika II".
O poder económico das petroleiras e de empresas armadoras
está primando sobre os intereses dos sectores pesqueiros
e marisqueiros e sobre a riqueza ambiental: as presións
de grandes empresas impediron a rápida posta en marcha
de normas para mellorar a seguridade no mar que impedirían
a navegación de barcos inseguros como o Prestige.
Por outra banda, a FEG non entende cómo se poideron
asumir tantos riscos para o medio ambiente e para a seguridade
marítima ao deixar achegarse o barco tan preto da costa
pola negativa do capitán e da armadora a ser remolcado.
Lembramos que, en moi pouco tempo, é o segundo caso
deste tipo que acontece preto das nosas costas (en concreto,
en fronte do esteiro do Miño).
A FEG considera necesaria a elaboración e aplicación
de normas máis estrictas cás existentes para
regular e controlar o tráfico marítimo de mercadorías
perigosas fronte á costa galega, coa finalidade de
evitar casos como o do "Prestige". Ademais, solicita
á Administración española que presione
na UE a favor dunha aplicación máis rápida
das Directivas "Erika I" e "Erika II".
Por último, a FEG resalta a rápida mobilización
dos grupos ambientalistas para colaborar no socorro da fauna
afectada polo vertido de fuel do Prestige. Asemade, valora
positivamente a rápida reacción da Consellería
de Pesca para seguir as posíbeis consecuencias do accidente
do "Prestige".
Os ambientalistas galegos unen esforzos para evitar
outro Prestige
As principais organizacións ambientalistas galegas
promoverán accións conxuntas para se enfrentaren
á marea negra do Prestige e para demandaren medidas
que preveñan novos accidentes como o do Prestige. O
venres 29 celebraron unha rolda de prensa en Santiago para
presentaren o manifesto común “Nunca máis”.
Os ecoloxistas galegos sumáronse á Plataforma
“Nunca máis” e participarán nas
súas mobilizacións.
As organizacións ecoloxistas galegas pode semellar
para parte da sociedade galega que están “desaparecidas”,
a pesar do intenso labor que están a desenvolver, na
medida das súas posibilidades, en relación co
Prestige, tanto no plano político como no de voluntariado
(recollida de aves petroleadas e limpeza de praias en condicións
adecuadas) e no de información e educación.
Iso é debido ao “bloqueo mediático”
e ao menosprezo por parte das Administracións.
Pablo Meira, profesor da Facultade de Pedagoxía da
Universidade de Santiago e presidente da Sociedade Galega
de Educacación Ambiental (SGAE) sinala que “A
Administración non está a contar connosco na
mesma medida en que o está a facer con organizacións
internacionais, cuxa presenza agradecemos neste momento de
crise, porque sabe que estivemos, estamos e estaremos aquí
unha vez que os ecos da catástrofe dasaparezan dos
medios”.
Alfredo López, presidente da Coordenadora para o Estudio
dos Mamíferos Mariños (CEMMA) laiouse da escaseza
de actuacións institucionais para a conservación
da biodiversidade mariña. Un maior nivel de protección
das nosas áreas mariñas e costeiras de maior
valor ecolóxico podería ter favorecido un maior
control do tráfico marítimo. Alfredo López
alertou sobre os efectos a longo prazo do petróleo
como consecuencia da súa acumulación nos animais
mariños a través das cadeas alimentarias e da
importancia dos vertidos habituais de cru producidos ao lavar
os tanques dos petroleiros no mar. Lembrou que a CEMMA denunciou
aínda en xuño pasado a contaminación
de praias de Fisterra como consecuencia dun máis destes
vertido continuados fronte á costs galega..
Xosé Luís Baleato, coordenador xeral da Federación
Ecoloxista Galega (FEG), suliñou a ausencia de planificación
e de recursos para previr e combater as mareas negras en Galicia.
Por exemplo, non temos barcos e barreiras adaptadas ás
condicións habituais do noso mar, onde son frecuentes
as ondas de máis de 2 metros. Laiouse de que as Directivas
europeas para a mellora da seguridade marítima que
entrarán en vigor proximamente reciban o nome de “Erika
1” e “Erika 2” e non “Mar Exeo”,
“o que é indicador do caso que fan a este extremo
de Europa”. O portavoz da FEG apuntou que para reducir
todo o posíbel o risco de mareas negras “tamén
é necesario tratar de non dependermos tanto do petróleo”.
Serafín González, presidente da Sociedade Galega
de Historia Natural (SGHN), apuntou que “A actuación
dos Gobernos galego e central, como vén sendo habitual,
estase a caracterizar por un escurantismo total e pola falta
de coordenación e de planificación”. Os
fondos europeos empregáronse ao longo destes anos,
en grande medida, en actuacións pouco prioritarias
ou superfluas, “como paseos marítimos agora cobertos
polo fuel, en lugar de investilos axeitadamente, por exemplo,
na defensa do patrimonio natural galego, que é tamén
un patrimonio de todos os europeos”. Na área
afectada pola marea negra até hoxe hai varios espacios
propostos para formar parte da Rede Natura 2000, a futura
rede de espacios naturais protexidos da Unión Europea.
Manuel Soto Castiñeira, profesor de Enxeñería
Química da Facultade de Ciencias da Universidade da
Coruña e presidente da Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galiza (ADEGA), citou as medidas demandadas
polos ecoloxistas galegos para evitar novos casos Prestige:
“declaración das costas galegas como Zona Marítima
especialmente sensíbel”, “maior control
do tráfico de mercadorías perigosas”,
“elaboración dun plano de emerxencia para facer
fronte ás mareas negras” e unha regulación
non só europea senón tamén internacional
que preveña as mareas negras (non se trata de trasladar
os buques perigosos ás augas de países do chamado
Terceiro Mundo).
ADEGA, CEMMA, FEG, SGEA e SGHN esixen “a demisión
das autoridades galegas e españolas responsábeis
da xestión desastrosa do Prestige e da ausencia de
medidas de prevención”, en especial de Manuel
Fraga, Carlos del Álamo, Francisco Álvarez-Cascos
e Jaume Matas”.
As cinco organizacións ambientalistas galegas editaron
conxuntamente 50.000 exemplares do manifesto “Nunca
máis” e un cartel cun debuxo de Xaquín
Marín.
FEG. Apartado de correos 949.
15780 Santiago
E-mail: feg@jet.es
Créditos
e agradecementos:
Esta web é o resultado
do traballo desenvolvido pola FEG e as asociacións
que a constitúen.
Deseño e realización: imaxin|software
Xestor da web: oscar@electronicatelecom.com
21/12/2002

|