| |
FEG
A Federación Ecoloxista Galega (FEG)
agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas
activas de Galicia. Anteriormente denominouse Asemblea de
Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG).
O movemento asociativo ecoloxista galego xurdiu
a comezos dos anos 70, coa creación da Asociación
para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e da Sociedade
Galega de Historia Natural (SGHN). Desde o inicio dos anos
80 xurdiron grupos ambientalistas en diversas cidades e vilas
de todo o país, moitos dos cales decidiron agrupar
esforzos primeiro na AGENG e posteriormente na FEG.
A FEG é unha organización democrática
e independente das administracións, de empresas e de
forzas políticas. A FEG colabora con outras organizacións
ecoloxistas de fóra de Galicia e está integrada
na Plataforma Ecoloxista Luso-Galaica.
A FEG apoia o labor das asociacións
que a integran, elabora propostas para a solución dos
problemas ambientais, denuncia agresións ao ambiente,
promove actividades reivindicativas e de información
e educación ambiental, participa en órganos
consultivos das administracións e edita publicacións.
Entre as accións desenvolvidas pola
FEG e polas asociacións que a constitúen podemos
salientar a promoción de senllas iniciativas lexislativas
populares en defensa dun ordenamento e aproveitamento adecuado
dos montes e da reducción, a reutilización e
a reciclaxe dos residuos, a loita contra proxectos ou instalacións
ambientalmente inaceptábeis (complexo Celulosas-ELNOSA
en Pontevedra e varios proxectos de celulosas, encoros de
Navia e de Sela, numerosas minicentrais hidroeléctricas,
parques eólicos da serra do Xistral, incineradora de
lixo de SOGAMA SA...) ou a defensa de espacios naturais de
elevado interese (Illas Cíes, Dunas de Corrubedo, Fragas
do Eume, Marismas de Baldaio, Enseada do Umia-Ogrobe, Ribeiras
do río Louro, Serras do Courel, Ancares, Xistral, Lastra,
Candán, etc, etc).
O labor de sensibilización social e
de presión política das asociacións de
defensa ambiental galegas está detrás de moitos
dos logros ambientais conseguidos en Galicia, como os planos
de reciclaxe e compostaxe do lixo dalgúns Concellos,
a paralización de numerosos proxectos e actividades
ambientalmente agresivos ou a creación de parques naturais
como os das Illas Cíes, Fragas do Eume ou Dunas de
Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
Federación Ecoloxista Galega (FEG).
Apartado de correos 949. 15780 Santiago de Compostela. Galicia.
Teléfono: 981 575 444.
|
|