 |
Ecoloxismo
na vida cotiá
As accións da nosa vida cotiá inciden
no medio ambiente. Cómpre sermos conscientes das repercusións
ambientais da nosa conducta diaria e actuarmos responsabelmente.
Os principais responsábeis das solucións dos problemas
ambientais son os poderes políticos e económicos,
mais iso non implica que, ademais de presionalos para que tomen
as decisións adecuadas, non teñamos nada que facer
como consumidores/as e traballadores/as. A suma de moitas accións
individuais correctas pode ter efectos moi positivos.
Neste capítulo fornecemos algunhas suxerencias,
entre outras posíbeis, que achamos deben ser tomadas en consideración
para que o noso estilo de vida sexa menos destructivo para o ambiente
do que dependemos. Todo o que facemos contra o ambiente, máis
cedo ou máis tarde, vólvese na nosa contra.
Transporte.
O transporte é un dos principais factores de consumo de enerxía.
O automóbil privado, o avión e o tren de alta velocidade
son os medios de transporte máis prexudiciais para o ambiente.
Os coches degradan as nosas vilas e cidades: perda de espazos de
uso público, rúas pensadas para a circulación
en veículos de motor con paseos estreitos polos que é
difícil camiñar, ruído,....
- O modo de transporte máis san, ecolóxico e barato
é camiñar. As cidades galegas son de pequeño
tamaño, polo que podes ir a moitos sitios andando e en pouco
tempo.
-A velocidade media en vehículos particulares nas cidades
é baixa. En distancias curtas, compensa camiñar e
non mover o coche. O teu peto, a túa saúde e o medio
ambiente de tod@s agradecerancho.
-Unha boa forma de moverse nas vilas e cidades é utilizando
a bicicleta. Non vale a desculpa do mal tempo, xa que noutros países
téñenno igual ou peor que nós e o seu uso é
maior. No noso país apenas utiliza este medio un 8% da poboación,
mentres que nos Países Baixos chega a un 40%.
-Se non podes ou non queres andar a pé ou en bici, a mellor
opción é o transporte público.
-No caso de utilizares o coche procura compartilo.
-Utiliza preferentemente o ferrocarril convencional e o autobús
para os desprazamentos interurbanos. A bicicleta pode ser unha alternativa
en distancias curtas.
-A maior velocidade, maior consumo de combustíbel. Respeita
as normas de tráfego, especialmente as limitacións
de velocidade.
-Se o coche vai estar detido varios minutos é mellor apagar
o motor.
-O consumo de combustíbel do coche será maior se non
vixías a súa posta a ponto, se viaxas coas xanelas
abertas, se levas baca sen carga ou se os pneumáticos están
en mal estado ou sen a presión debida.
- Na compra dun coche ten en conta que os máis pequenos e
os de menor cilindrada son os menos prexudiciais para o ambiente.
Se non o vas utilizar moito, é posíbel que economicamente
non che compense comprar un. Ten presente todos os gastos que conleva
un automóbil (seguro, reparacións, combustíbel,
aparcamento, impostos,...).
Electricidade.
A electricidade é unha enerxía limpa
no lugar de consumo, mais a súa producción e distribución
causan enormes danos ambientais. Grande parte do consumo de electricidade
ten lugar no sector doméstico, polo que os/as consumidores/as
temos un papel importante na diminución do consumo eléctrico.
- A calefacción eléctrica é
a máis contaminante, aínda que a contaminación
se produza lonxe dos nosos fogares. A utilización da electricidade
para producir calor nas nosas casas (calefaccións, quentadores,
cociñas) é moi ineficiente. Só debemos utilizar
a electricidade para aqueles usos nos que é insubstituíbel.
A calefacción menos impactante é a de gas natural.
A de gasóleo é menos mala cá de carbón.
- Para reducires o gasto en calefacción mellora o illamento
térmico da túa casa, por exemplo, instalando cristais
ou xanelas dobres. Regula adecuadamente a temperatura. Cada grao
menos conleva un aforro do 5%.
- Na compra dos electrodomésticos opta polos de menor consumo
eléctrico, especialmente no caso da lavadora e do frigorífico.
Prescinde de electrodomésticos innecesarios (espremedores,
coitelos, abrelatas, cepillos de dentes...).
- Desconxela o frigorífico regularmente, xa que a capa de
xeo aumenta o consumo. Deixa a porta aberta só o tempo preciso
e non metas nel cousas quentes.
-Usa lámpadas compactas de baixo consumo. Son máis
caras pero aforran até o 80% da electricidade e duran moito
máis. Porén, non é recomendábel substituír
as lámpadas normais se están acesas pouco tempo e
se se apagan e acenden con frecuencia.
- Non deixes acesas innecesariamete lámpadas ou electrodomésticos.
- A fabricación de aluminio require unha cantidade enorme
de electricidade. En Galicia, a factoria Alúmina-Aluminio
de San Cibrao (Mariña luguesa) absorbe nada menos que a cuarta
parte de toda a electricidade consumida, desfrutando dunha tarifa
especial moi reducida. Evita o consumo de aluminio sempre que sexa
posíbel.
- Contrata a potencia acorde co teu consumo medio. Aforrarás
unha parte importante do recibo da luz e non darás argumentos
para a construcción de novas infraestructuras eléctricas.
- Estudia a posibilidade de instalar na túa vivenda paneis
solares para producir auga quente e/ou electricidade. Solicita información
á FEG.
Alimentación.
A produción intensiva e a importación
de todo tipo de alimentos é ambientalmente negativa. A agricultuta
intensiva require a utilización de moitos productos químicos
(herbicidas, abonos...), contaminando as augas e o solo, reducindo
a diversidade biolóxica e ameazando a saúde de labreg@s
e consumidores/as.
-Consume productos do país. Estes alimentos
son os producidos polos labregos da túa comarca. Ten en conta
que, ademais de axudares ao desenvolvemento económico e social
da túa zona, evitas os custos ambientais que significa o
transporte de produtos a longas distancias. Fíxate ou pide
información sobre o seu lugar de orixe.
-Procura consumir alimentos biolóxicos, cultivados sen agrotóxicos.
O seu proceso de producción é máis respeitoso
co medio e coa saúde dos que os consumen.
-Come alimentos da temporada. É máis probábel
que sexan producidos na túa comarca e non requiren a permanencia
en cámaras durante moito tempo, conservando a súa
riqueza alimenticia.
- Procura non consumir productos conxelados e envasados pola cantidade
de aditivos que poden levar. No caso de mercalos, elixe aqueles
que leven menos.
-A dieta rica en froitas, verduras, hortalizas e cereais é
máis san e ecolóxica que a que abusa da carne e do
pescado. Procura evitar o consumo de carne producida en grandes
granxas de cría intensiva. Son contaminantes, tratan aos
animais como se fosen máquinas e producen carne de baixa
calidade.
-Non consumas peixes de talla inferior á permitida legalmente.
1 Kg de cariocas menores de 27 cm poden chegar a ser 90 Kg de pescada.
-Asegúrate de que os alimentos que comes están libres
de manipulación xenética e esixe o seu etiquetado.
Os alimentos modificados xeneticamente poden conlevar riscos importantes
para a saúde humana e o ambiente.
- A construcción de piscinas para a cría de camaróns
en países tropicais implica a miúdo a destrucción
de mangues, bosques litorais de grande valor ecolóxico. Non
consumas camaróns tropicas se non estás seguro/a de
que o seu cultivo non provocou a destrucción de mangues.
-Á hora de elaborares os productos na casa, procura non cociñalos
moito tempo para que non perdan vitaminas. Cociña coa louza
tapada e a lume baixo, aforras enerxía e a comida ten mellor
gosto. Se necesitas aforrar tempo, as olas a vapor consumen menos
enerxía.
-Non cociñes con louza de aluminio (ollo tamén ás
cafeteiras!). Ao utilizala ti tamén vas comendo parte do
aluminio.
Residuos.
A xeración crecente de lixo é un dos
principais problemas da nosa sociedade. En Galicia xa producimos
unha media de perto de 1 Kg/hab/día de lixo. Os residuos
domésticos son un excelente indicador do desbaldimento imperante
nos países máis desenvolvidos. Estímase que
por cada tonelada de residuos domésticos xerada, prodúcense
5 máis durante o proceso de fabricación dos productos
e 20 máis no punto de extracción (minería,
agricultura,...).
- Se es un consumidor crítico e responsábel,
axudarás á reducción de residuos. Evita o consumo
superfluo e innecesario. Non te deixes levar pola publicidade.
- Aproveita adecuadamente os alimentos coa finalidade de reducires
ao mínimo posíbel a fracción orgánica
do lixo, que na actualidade supón practicamente a metade
en peso do total do lixo. Se tes horta ou xardín, podes elaborar
o teu propio compost. A FEG pode fornecerche información
sobre a autocompostaxe.
- Merca productos sen exceso de envases e embalaxes. Rexeita os
artigos con varios envoltorios.
- Procura levar da casa a bolsa da compra, de tea ou de papel resistente.
- Tenta comprar productos de longa duración, que poidan ser
lavados e/ou reparados. Os productos de segunda man poden ser unha
alternativa válida.
- Opta polos productos envasados en materiais máis ecolóxicos:
vidro e papel antes que plástico, metais ou mesclas como
os Tetra-Briks. Ten presente que o PVC (policloruro de vinilo) é
o plástico ambientalmente máis prexudicial.
- Clasifica adecuadamente os residuos no fogar (papel e cartón,
vidro, restos orgánicos, pilas, envases, etc.) e usa correctamente
os contentores destinados aos mesmos. Así posibilitarás
a reciclaxe destes materiais, reintroducíndoos nos seus ciclos
productivos e reducindo a contaminación.
- Escolle productos reciclados e/ou con materiais reciclados. Non
é o mesmo reciclado que reciclábel. Un producto reciclábel
pódese reciclar, alomenos en teoría, mais non necesariamente
está feito con materiais reciclados.
- Evita, na medida do posíbel, a producción de residuos
perigosos (aceites, pilas botón ou con mercurio e cadmio,
pinturas, vernices, deterxentes, medicamentos, etc). No caso de
xerares algúns deles, non os mistures co lixo común:
recólleos por separado e lévaos aos contentores adecuados.
Auga.
A media da demanda urbana de auga, no seu conxunto,
é duns 400 litros por habitante e día no Estado español.
O aforro de auga conleva un aforro de enerxía, reduce a contaminación
e evita a construcción de novas infraestructuras (encoros
de abastecemento, sistemas de bombeo, depuradoras,...) custosas
e impactantes sobre o medio.
- Evita botar compostos tóxicos polo retrete: aceites, restos
de pintura e vernices, disolventes, etc.
- Nun baño empregamos moita máis auga que nunha ducha.
Pecha a billa mentres lavas os dentes ou te enxabonas na ducha.
Podes introducir un recipiente (botella,...) na cisterna do inodoro
para reducir a cantidade de auga descargada
- Utiliza a lavadora e o lavavaixelas só cando sexa necesario
e estean cheos. Merca, na medida do posíbel, aqueles aparellos
que consuman menos auga.
- Hai dispositivos técnicos que nos permiten utilizar máis
eficientemente a auga: billas e alcachofas de ducha aforradoras
de auga e cisternas con sistemas de regulación do vaciado.
- No lavado dos utensilios de cociña, enche o fregadeiro
con auga, bota a cantidade xusta de xabrón e, despois do
lavado, aclara con auga fría. Deste xeito podemos aforrar
até un 20% de auga e enerxía.
- Utiliza só a cantidade de auga necesaria na rega de plantas,
xardíns e cultivos. Rega preferibelmente ao amencer ou ao
anoitecer, cando é menor a evaporación da auga.
Limpeza doméstica.
Manter limpo o fogar pode conlevar unha maior suciedade
do contorno se utilizamos innecesariamente ou abusamos de certos
productos químicos.
- Se utilizas a lavadora só cando teñas unha carga
completa de roupa, aforrarás auga e electricidade.
- A limpeza e a brancura non melloran por usares máis deterxente.
Proba a lavar cunha cantidade menor á que recomenda o fabricante.
- Non é algo extraordinario que os deterxentes sexan biodegradábeis,
como parecen indicar os fabricantes. O importante é o tempo
de degradación dos tensoactivos (normalmente derivados do
petróleo) dos deterxentes na natureza. Utiliza xabóns
naturais ou deterxentes das liñas ecolóxicas que diminuan
o tempo necesario para a súa biodegradación.
-Os deterxentes para a louza conteñen compostos con concentracións
grandes de fosfatos. A maioría son deterxentes derivados
do petróleo, non xabóns. Substitúeos por xabóns
neutros ou adquire productos ecolóxicos.
-Productos de limpeza tradicionais coma a lixivia, o amoníaco,
a sosa ou augaforte, son compostos perigosos tanto para a saúde
como para a natureza. A lixivia pode cambiarse por bórax,
unha sal mineral que é un excelente e inocuo limpador - desinfectante
- desodorizante. O amoníaco que conteñen os limpadores
en pó, debe substituírse por productos como o bórax
e o bicarbonato sódico. A sosa produce queimaduras graves.
É a base dos limpa-fornos. Un método alternativo é
abrandar as paredes do forno con auga despois de usalo. Logo restregarémolas
con disolucións de bicarbonato.
- Os ambientadores sintéticos poden producir alerxias e deteriorar
o sentido do olfato. É mellor ventilares os cuartos, colocares
plantas aromáticas, vaporizadores de aceites esenciais ou
disolucións de vinagre.
- Medio limón ao que se lle inserten cravos de olor ou testos
de albahaca (asubiote) nas ventás son bos espantadores de
insectos.
- Non empregues aerosois, mesmo aínda que non conteñan
gases destructivos da capa de ozono.
Aseo persoal e cosméticos.
Os cosméticos e productos de aseo, ademais
de viren sobrempaquetados por razóns de mercado, o que pode
duplicar o seu prezo final, poden causar problemas de toxicidade
e contaminación.
- Elixe as presentacións en barra (desodorizantes,
crema de afeitar...) ou os pulverizadores manuais.
- As compresas ou tampóns, e calquera outro residuo sólido,
nunca deben terminar no inodoro.
- Para lavares o cabelo utiliza champus suaves baseados en herbas
ou xabóns neutros. Os champus anticaspa elaborados a partir
de sulfuro de selenio son moi contaminantes. - Para o coidado da
pel son preferíbeis os xabóns naturais ou neutros.
- Pénsao antes de comprares cosméticos. Para manteres
un aspecto atractivo nada é mellor cá unha dieta san,
auga limpa e ausencia de estrés.
- Non compres cosméticos ou artigos para a hixiene persoal
se son dunha marca que experimenta os seus productos con animais.
Comercio xusto.
O comercio xusto é un movemento internacional
que pretende establecer unhas relacións comerciais equitativas
entre o Norte enriquecido e o Sur empobrecido, eliminando intermediarios
e especulacións das empresas multinacionais.
O comercio xusto aplica diversos criterios: apoio a cooperativas
ou formas de traballo asociado, transparencia e información
de todos os actores, lazos comerciais a longo prazo, pagamento de
prezos dignos previamente pactados, respecto ao ambiente, reinvestimento
dos beneficios na comunidade (educación, saúde,...),
proceso productivo non sexista, ausencia de explotación do
traballo infantil,...
Inseparábel do comercio xusto é o consumo
responsábel. Este toma en conta as consecuencias sociais
e ambientais da producción. As preguntas chave dun consumidor
responsábel son: Quen e en que condicións produciron
este obxecto de consumo?, Que impacto ambiental ocasiona a producción
e o consumo dese producto? Onde van parar os cartos que pagamos
e en que proporción? A diferencia do consumo compulsivo e
individualista, o consumo responsábel basease na información
sobre o proceso de producción e as consecuencias que xera.
Actualmente, a competitividade internacional fundaméntase
na degradación dos estándares laborais e ambientais
por parte das grandes empresas. Nós, como consumidores e
consumidoras do Norte, formamos parte da engranaxe do sistema. Unha
resposta é empregarmos o instrumento do consumo para contrarrestarmos
o poder omnímodo das multinacionais.
|
Tendas de comercio xusto.
No noso país só hai nestes
momentos dúas tendas de comercio xusto, unha Santiago
e outra en Lugo. Algunhas tendas de productos biolóxicos
e organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento
(ONGDs) tamén venden productos de comercio xusto.
Panxea.
Rúa Hortas, 4 (detrás do Concello). Santiago
de Compostela.
A Cova da Terra.
Rúa San Pedro, 13 (Galerías Novocentro). Lugo
A Factoría do Sur.
Rúa da Ponte, 8. Pontevedra
Amarante/Centro Iris.
Rúa Curros Enríquez, 19. Ourense
Intermón/Oxfam.
Estreita de San Andrés, s/n. A Coruña.
|
No centro de ensino.
Converter o centro nunha escola ecolóxica
é unha tarefa de toda a comunidade escolar: profesorado,
alumnado, persoal non docente, pais e nais. O centro escolar, como
lugar de aprendizaxe e convivencia, constitúe un marco inmellorábel
para desenvolver unha serie de prácticas que se traducirán
en modelos de vida máis respectuosos co medio.
- Ocúpate, na medida das túas posibilidades,
de que a Educación Ambiental teña o papel que lle
corresponde no Plano Educativo do Centro (PEC).
- Colabora e participa na constitución dun Taller de Educación
Ambiental para converter o teu centro nunha ecoescola.
- Esixe das autoridades académicas a realización dunha
ecoauditoría no centro, previa á elaboración
dun Plano de Xestión Ambiental. Nela analizaranse a xestión
de residuos na escola, o uso de auga e enerxía, etc.
- Colabora na organización de campañas de recolla
de papel usado, pilas e outros materiais, na escola e no contorno
inmediato.
- Coida os espacios exteriores do centro, contribuindo á
plantación de diferentes especies vexetais autóctonas
e axudando nas tarefas periódicas de limpeza.
- Promove a reducción de residuos e a utilización
de materiais reciclados: venda de productos con envases retornábeis
e/ou productos minimamente envasados na cafetería do centro
escolar, uso de papel reciclado,....
- Procura que o nivel de ruído sexa o mínimo posíbel:
a calidade de vida no centro incrementarase significativamente e
as molestias ao vecindario serán menores.
No traballo.
As actividades de moitas empresas causan danos ambientais
graves. Os/As traballadores/as poden contribuír a mellorar
o comportamento ambiental das empresas nas que traballan, o que
será positivo tanto para as súas condicións
de traballo como para o futuro da empresa (maior aceptación
social, reducción de custos de producción,...). Se
es propietario/a dunha empresa ou autónomo/a, a túa
responsabilidade na diminución do impacto ambiental será
maior.
- Coñece, esixe e colabora no cumprimento
das normas de seguridade e hixiene no traballo.
- Se tes que estar exposto a sustancias químicas perigosas,
infórmate ben sobre os seus riscos para a saúde humana
e o medio ambiente e aplica as medidas de precaución precisas.
Se existen alternativas ecolóxicas á súa utilización,
reclama a súa implementación.
- As empresas deben cumprir sempre a lexislación ambiental.
O desenvolvemento de planos de reducción de residuos e de
aforro e mellora da eficiencia na utilización da auga e da
enerxía, ademais de diminuír o impacto ambiental,
reduce custos de producción.
- Se traballas nunha oficina, procura adoptar comportamentos que
favorezan a reducción, a reutilización e a reciclaxe
de residuos e o aforro de electricidade.
- Se es agricultor/a, procura diminuír ou eliminar a utilización
de pesticidas e de fertilizantes inorgánicos. Na aplicación
dos fertilizantes, segue os consellos do Código de Boas Prácticas
Agrarias elaborado pola Consellería de Agricultura. Se practicas
unha agricultura máis ou menos tradicional, non che será
difícil reconverter a túa explotación á
agricultura ecolóxica, o que pode aumentar os teus ingresos.
- Practica unha pesca e un marisqueo responsábeis. As riquezas
do mar non son inesgotábeis.
De viaxe.
As viaxes permítennos coñecer outros
lugares e outras culturas, posibilitando un achegamento e disfrute
da natureza. Porén, as actividades turísticas poden
causar impactos ambientais moi negativos.
- Non sempre o máis afastado é o máis interesante.
Lembra eses lugares da nosa terra aos que sempre desexaches ir e
que aínda non coñeces.
- Elixe modelos de turismo sostíbeis, rexeitando outras alternativas
vacacionais agresivas co medio natural e a cultura do lugar visitado.
- Procura optar por sistemas públicos de transporte nas túas
viaxes, preferentemente polo ferrocarril convencional. Ás
veces é mais económico ir en transporte público
e despois, se for necesario, alugar un coche no lugar de destino
para realizar pequenos desprazamentos.
- Evita as prácticas impactantes no contorno: recolle sempre
o lixo e lévao até un lugar axeitado (papeleira, contentor),
non fagas lume agás nos lugares permitidos, non fagas ruídos
molestos,...
- Viaxar non é so deslocarse dun lugar a outro, implica tamén
o coñecemento das culturas que imos visitar. Prodúcese
un intercambio entre persoas de diferentes culturas que é
moi enriquecedor para todos/as. Como parte deste intercambio, procura
consumir produtos deses lugares, coñecer a súa música,
literatura...
- As vacacións poden ser aproveitadas para colaborar en proxectos
de carácter social ou ambiental, no noso país ou no
estranxeiro. Infórmate nalgunha organización non gobernamental.
- A observación e a fotografía da fauna son preferíbeis
á súa caza ou pesca.
- Observa escrupulosamente as normas de protección dos espacios
naturais protexidos: non utilizar vehículos por lugares non
permitidos, non sairse dos sendeiros marcados, non recolectar animais
e plantas, etc.
- Non compres productos feitos con marfin de elefantes ou coberturas
de tartarugas, corais ou plantas e animais salvaxes ameazados de
extinción. Na actualidade existen máis de 800 especies
de animais e plantas cuxo comercio internacional está prohibido.
Varios.
- Se é posíbel, compra móbeis
elaborados con madeiras producidas de forma ecoloxicamente sustentábel.
Elixe os productos coa certificación do FSC (Consello de
Administración Forestal), apoiada polas principais organizacións
ecoloxistas internacionais. Rexeita sempre os productos elaborados
con madeiras tropicais non certificadas. Evita o mobiliario feito
con materiais plásticos.
- Se es propietario forestal, estudia detidamente a posibilidade
de plantares especies autóctonas (castiñeiro, carballos,
bidueiro,....). Mesmo se o único que procuras é rendibilidade
económica a non moi longo prazo pode ser unha alternativa
interesante.
- O ruído é unha forma de contaminación moi
nociva. Sé consciente do ruído que fas, especialmente
durante a noite. Se conduces un coche, substitúe os bucinazos
por ráfagas luminosas sempre que sexa posíbel, sobre
todo nas cidades.
- Rexeita os abrigos de pel. Son prendas de luxo, absolutamente
prescindíbeis, cuxa confección precisa da morte e
da cría en condicións deplorábeis de moitos
animais.
- Non compres máis roupa da necesaria e opta preferibelmente
pola confeccionada con fibras naturais.
- Se é posíbel, compra móbeis elaborados con
madeiras producidas de forma ecoloxicamente sustentábel.
Elixe os productos coa certificación do FSC (Consello de
Administración Forestal), apoiada polas principais organizacións
ecoloxistas internacionais. Rexeita sempre os productos elaborados
con madeiras tropicais non certificadas. Evita o mobiliario feito
con materiais plásticos.
- Se es propietario forestal, estudia detidamente a posibilidade
de plantares especies autóctonas (castiñeiro, carballos,
bidueiro,....). Mesmo se o único que procuras é rendibilidade
económica a non moi longo prazo pode ser unha alternativa
interesante.
- O ruído é unha forma de contaminación moi
nociva. Sé consciente do ruído que fas, especialmente
durante a noite. Se conduces un coche, substitúe os bucinazos
por ráfagas luminosas sempre que sexa posíbel, sobre
todo nas cidades.
- Rexeita os abrigos de pel. Son prendas de luxo, absolutamente
prescindíbeis, cuxa confección precisa da morte e
da cría en condicións deplorábeis de moitos
animais.
- Non compres máis roupa da necesaria e opta preferibelmente
pola confeccionada con fibras naturais.
|
|
| DOAZÓNS |
| |
Un dos xeitos de apoiares o labor da FEG e das asociacións
que a forman é facéndonos algunha doazón.
1) Doazón económica. Pódela facer mediante xiro postal,
talón ou ingreso ou transferencia na nosa conta
(Caixa de Pontevedra, 2091-0300-44-3040129439).
2) Doazóns de libros, vídeos ou CD-Roms ambientais, material
informático, material de oficina,...
FEG. Aptdo. 949. 15780 Santiago de Compostela.
|
| CONTACTA
CONNOSCO |
| |
Se desexas algunha información, informarnos dunha agresión
ambiental ou facernos algunha suxerencia ou crítica,
escríbenos un correo
ou cubre este formulario.
|
|