portada federación ecoloxista galega campañas documentos participa e colabora contacta con nos
 

Denuncias ambientais.

Naqueles casos nos que teñamos coñecemento da infracción dunha norma de Dereito Ambiental debemos formular con celeridade unha denuncia. Esta non é máis que a posta en coñecemento dunha autoridade da comisión duns feitos para que se investiguen e se adopten as medidas oportunas.
A autoridade que reciba a denuncia ten o deber de investigar minimamente os feitos denunciados - agás que estes non sexan pertinentes -, debendo manter informado ao/a autor/a da denuncia dos trámites e pasos que siga a investigación unha vez iniciada. Se non recibimos información, debemos reclamala.

As denuncias teñen que contar cuns datos mínimos: a identificación completa do denunciante (aínda que pode ser anónima), suxeito infractor (se se coñece), os feitos denunciados, lugar, data e sinatura.
Existen dous tipos básicos de denuncia, a denuncia penal e a denuncia administrativa. Tamén podemos presentar unha queixa ao Valedor do Pobo.


Denuncia penal.

Procede cando se presume ou estima que os feitos, pola súa gravidade, revisten o carácter de delito ecolóxico ou contra o ambiente tipificado no Código Penal. O chamado delito ecolóxico ou contra o ambiente vén recollido e regulado basicamente no Título XVI do Código Penal, determinando unha serie de conductas delictivas e as súas correspondentes consecuencias xurídicas.

Definense varios tipos de delitos ecolóxicos:
- Delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente. Refírense a aquelas conductas que, infrinxindo a normativa administrativa de protección ambiental, provoquen ou realicen emisións, verquidos, radiacións, extraccións ou excavacións, aterramentos, ruídos, vibracións ou depósitos na atmosfera, o solo, o subsolo ou as augas terrestres, marítimas ou subterráneas. Tamén poden ser delitos contra os recursos naturais as captacións de augas, se prexudican gravemente o equilibrio dos sistemas naturais, e o establecemento de depósitos ou vertedoiros de residuos tóxicos.
- Delitos relativos á proteccion da flora e a fauna. Son tipificadas como actuacións delictivas aquelas que atenten contra as especies de flora e fauna ameazadas ou alteren o seu hábitat e a introducción de especies de fauna ou flora non autóctona que prexudiquen o equilibrio bióloxico.
- Delitos contra o ordenamento do territorio. Tamén é delito ecolóxico a construcción non autorizada en zonas verdes, de dominio público ou lugares de especial valor ecolóxico, paixasístico, cultural, artístico ou histórico.
- Delitos sobre o patrimonio histórico. Son os derrubamentos ou alteracións de edificios de interese artístico, histórico, cultural ou monumental, abranguendo xacementos arqueolóxicos, e todo tipo de bens de valor artístico, cultural, científico ou histórico.
- Outros delitos ecolóxicos tipificados no Código Penal son os relativos á enerxía nuclear e ás radiacións ionizantes, os delitos de incendios forestais e os de incendios en zonas non forestais.

As denuncias penais poden ser formuladas persoalmente ou por escrito perante as Oficinas da Policía Nacional ou Autonómica ou da Garda Civil e perante o Xuiz ou o Ministerio Fiscal.

 

Denuncia administrativa.

As denuncias administrativas teñen como obxectivo buscar a sanción de calquera posíbel infracción contra normas de protección ambiental de rango administrativo, sexan estatais, autonómicas ou locais.

Modelo de denuncia ambiental.

Don/Dona..., con D.N.I...., (se é o caso) en representación de... (nome da asociación ou entidade)..., e con enderezo para efectos de notificación en ... e teléfono..., EXPÓN:

Que... (facer unha descrición sucinta da denuncia indicando os feitos denunciados, o lugar e o momento no que se produciron e, se se coñece, os presuntos responsábeis dos mesmos. Indicar se xa se presentou ou non unha denuncia polos mesmos feitos con anterioridade. Se se presentou, precisar a data e o órgano perante o que se presentou. Pódese xuntar calquera tipo de documentación que se considere útil para a investigación da denuncia). Conforme ao que se establece no artigo 2° da orde do 30 de maio de 1996 (DOG do 5 de xuño de 1996), preséntase a denuncia/ reclamación...(indicar de xeito resumido o título ou nome da denuncia)....

En....., a ... de... de 20....

Asdo.:

Sr....(nome da autoridade á que se dirixe a denuncia)...


Este tipo de denuncias diríxense ao órgano administrativo con competencias para o asunto concreto (concello, consellería de medio ambiente, etc.), aínda que non sucede nada se se erra de órgano, pois este tramitaraa igualmente, dándolle traslado ao órgano axeitado.
Pódense presentar por correo certificado administrativo (pedindo na oficina de correos que nos selen o orixinal e unha copia da denuncia) ou no rexistro do órgano administrativo que estimemos competente.

 

Queixas ao Valedor do Pobo.

Se achamos que unha Administración actuou incorrectamente, incumprindo a lexislación ambiental ou inhibíndose fronte a unha agresión importante ao contorno (vertidos, contaminación acústica, caza ilegal,...), podemos presentar, ademais dunha denuncia, unha queixa ao Valedor do Pobo galego ou español. Se a queixa se refire ás Administracións locais ou á autonómica, dirixirémola ao Valedor do Pobo. Recorreremos ao “Defensor del Pueblo” se a denunciada é a Administración central.

Os Valedores do Pobo carecen de poder executivo ou lexislativo, mais as súas denuncias e recomendacións teñen certa influencia, ao seren persoas de recoñecido prestixio e estaren elixidas polos Parlamentos. Estes son informados anualmente das queixas cidadás tramitadas polos respectivos Valedores.

A queixa ao Valedor do Pobo é un escrito no que se explica a reclamación e no que deben figurar os datos (nome, apelidos, DNI, enderezo) e a sinatura do/a denunciante. Pode entregrarse no Rexistro da Institución do Valedor do Pobo ou enviala por correo ordinario ou, mellor, certificado.

Valedor do Pobo
Rúa do Hórreo, 65. 15702 Santiago.
Tel.: 981 571 900. Fax: 981 572 335

Defensor del Pueblo
Calle Eduardo Dato, 31-28071 Madrid
Tel.: 914 327 900. Fax: 913 081 158

 

 
CONTACTA CONNOSCO
 


Se desexas algunha información, informarnos dunha agresión ambiental ou facernos algunha suxerencia ou crítica, escríbenos un correo ou cubre este formulario.

NA VIDA COTIÁ
 


As accións da nosa vida cotiá inciden no medio ambiente.

Cómpre sermos conscientes das repercusións ambientais da nosa conducta diaria e actuarmos responsabelmente.

Aquí tes algunhas suxerencias para que o noso estilo de vida sexa menos destructivo para o ambiente do que dependemos.

DOAZÓNS
 


Un dos xeitos de apoiares o labor da FEG e das asociacións que a forman é facéndonos algunha doazón.

1) Doazón económica. Pódela facer mediante xiro postal, talón ou ingreso ou transferencia na nosa conta
(Caixa de Pontevedra, 2091-0300-44-3040129439).

2) Doazóns de libros, vídeos ou CD-Roms ambientais, material informático, material de oficina,...
FEG. Aptdo. 949. 15780 Santiago de Compostela.




  © FEG.