portada federación ecoloxista galega campañas documentos participa e colabora contacta con nos
 


A paisaxe agraria tradicional en mosaico, con pequenos bosques entre prados e cultivos, de grande valor ecolóxico, está ameazada polas concentracións parcelarias.


O acivro é esencial para a alimentación de moitas especies no inverno. A súa corta no medio natural está prohibida. Só se poden comercializar plantas procedentes de viveiros.


A reutilización de papeis usados e o emprego de papel reciclado reduce a necesidade de plantar eucaliptos para producir pasta de papel.


Os bosques autóctonos constitúen a paisaxe arbórea propia da nosa terra. Os eucaliptos son árbores orixinarias de Australia.

  Os bosques da terra

A defensa dos bosques autóctonos, os bosques propios de Galicia, é unha das prioridades da FEG e da asociacións federadas, que impulsaron e impulsan múltiples e diversas actividades neste senso: plantacións, denuncias de agresións aos bosques, demanda aos poderes públicos de protección especial para os bosques máis valiosos, elaboración de folletos divulgativos, xornadas, estudios, etc.

O traballo das organizacións ambientalistas galegas conseguiu algúns logros, como a eliminación das subvencións públicas á plantación de eucaliptos, a declaración das Fragas do Eume (o mellor bosque atlántico de baixa altitude de Europa) como Parque Natural en 1997 ou a protección estricta do acevro (Ilex aquifolium).

Os bosques autóctonos son os formados por árbores propias de Galicia, como por exemplo os carballos (Quercus sp), o bidueiro (Betula celtiberica), o ameneiro (Alnus glutinosa), a faia (Fagus sylvatica) ou as aciñeiras (Quercus ilex). Os bosques autóctonos chegaron a cubrir practicamente todo o territorio do noso país.

Os bosques autóctonos son o hábitat de moitas especies de fauna e flora -algunhas delas escasas ou ameazadas de extinción- e forman unha paisaxe de grande beleza e xenuinamente galega. O aproveitamento ecoloxicamente adecuado dos seus recursos (froitos, madeiras, cogumelos,...) é compatíbel coa súa conservación e contribúe ao noso benestar. As sebes naturais de separación entre leiras favorecen a producción agraria e enriquecen a paisaxe.

Segundo o último inventario forestal (1998), no noso país hai 359.000 hectáreas (has) cobertas por bosques autóctonos (12,5% da superficie galega e 25 % do monte arborado). En termos xerais, áchanse nun estado de conservación bastante deficiente. A maioría son bosques xoves xurdidos por recolonización, cun valor ecolóxico en xeral limitado. De acordo con algunha estimación, a superficie de bosques antigos que manterían algunhas das características dos bosques primixenios non superaría as 25.000 has.

Os bosques autóctonos máis abundantes son os dominados polo carballo (Quercus robur), que cobren 195.000 has, e polo cerquiño (Quercus pyrenaica), os cales ocupan 101.500 has.

As talas, a apertura de pistas forestais, a súa substitución por eucaliptais ou piñeirais, a construcción de infraestructuras (minicentrais hidroeléctricas, estradas,...) e os incendios ameazan os nosos bosques. As concentracións parcelarias, ao se realizaren sen ter en conta o seu impacto ambiental, son unha causa importantísima de destrucción de árbores autóctonas (talas, apertura de pistas, cambios de uso do solo).

A expansión masiva e incontrolada dos cultivos de eucaliptos, árbores orixinarias de Australia, é un grave problema. A eucaliptización, que afecta principalmente ás comarcas costeiras mais que comeza a se extender tamén ás do interior, provoca unha notábel diminución da diversidade biolóxica, favorece a propagación dos incendios, deteriora a paisaxe, elimina bosques autóctonos e ocupa terras agrarias. En certos casos, pode ocasionar a desecación de terreos. Cómpre controlar e limitar a plantación de eucaliptos. A superficie coberta por plantacións con eucaliptos xa é de 387.000 hectáreas (27% do monte arborado), das cales 178.000 son monoespecíficas.

A inmensa maioría dos nosos bosques de maior interese ecolóxico carece da protección especial necesaria e áchanse seriamente ameazados. Só unha parte ínfima está situada dentro de espacios naturais protexidos (Parques ou Monumentos Naturais) ou é de propiedade pública.

Moitas especies de árbores autóctonas producen froitos e/ou madeiras de calidade con demanda no mercado e prezos altos. Porén, son de crecemento medio ou lento, polo que os turnos de corta para a producción de madeira adoitan ser máis longos cós de piñeiros ou eucaliptos. Este inconveniente podería superarse con axudas públicas máis axeitadas cás actuais.

 

 



Canal de noticias sobre o medio ambiente galego, ibérico e global xestionado pola FEG


CAMPAÑAS
 


Os bosques da terra.

Os bosques autóctonos son os propios de Galicia e os máis ricos en fauna e flora.

Compostaxe. Unha alternativa necesaria.
A transformación da materia orgánica do lixo en abono é viábel e necesaria.

Ríos para a vida. Campaña de mellora do estado de conservación dos nosos ríos.

Consumo responsábel. Actividades destinadas a fomentar hábitos ambientalmente adecuados.

Alimentos transxénicos.
Son necesarios a día de hoxe os alimentos transxénicos?

Oceanos, un patrimonio a defender.
Debemos conservar os fráxeis e ameazados ecosistemas mariños.

 


 



  © FEG.